A casa das linguas

Esther Estévez; presentadora do “Dígocho eu” da TVG

“Creo que unha lingua se normaliza ao escoitala no día a día en calquera contexto”

En pouco máis dun ano case todo o mundo en Galicia coñece os divertidos vídeos de Esther Estévez e o seu espacio “Dígocho eu”. Cada día na TVG,móstranos como empregar ben as palabras en galego e lograo sempre arrincándonos un sorriso. Charlamos con ela sobre as claves do éxito do programa e sobre a importancia de aprender galego, e idiomas en xeral, sempre poñéndolle gañas e apostando pola diversión.

Como xurdiu a idea do Dígocho eu? Foi desde a observación de erros frecuentes na fala oral ou nos medios de comunicación?

O #DígochoEu nace para que a xente poida aprender ou mellorar algo cada día pero tamén para mellorar nós, os propios redactores. Na CRTVG contamos coa axuda de lingüistas para que todo vaia o mellor posible, e nós mesmos tiñamos (e seguimos tendo) moitas dúbidas no traballo do día a día. Así que o #DígochoEu nace para que todos poidamos mellorar un pouquiño todos os días. Eu son a primeira que se sorprende con algunhas palabras e que aprende todos os días algo novo!

Cres que con fórmulas como a do Dígoche eu se pode chegar a un público máis novo e sobre todo fomentar que usen o galego?

Creo que si. Dende logo pode haber diversas formas de chegar á rapazada. Penso que no caso do #DígochoEu xuntáronse varios factores e xurdiu «a maxia». Tiñamos moita ilusión ao comezar este proxecto pero non imaxinabamos en ningún caso que conseguiriamos o que estamos conseguindo coa xente máis nova. A clave é quizais que sexa entretemento e diversión ademais de aprendizaxe e que os nenos se sintan identificados comigo por ser eu nova tamén. E se lles gusta o contido que facemos vanlle ir collendo cariño á lingua pouco a pouco aínda que nunca a falaran. Creo que unha lingua se normaliza ao escoitala no día a día en calquera contexto. Eu intento transmitir que o galego mola, é util e divertido, e parece que a mensaxe lles chega.

Que consello lle darías a alguen se está a aprender un idioma novo pero que lle coste falalo por medo

Non se pode ter medo nesta vida! Falando unha lingua é como se mellora pouco a pouco. Está claro que se non practicas, nunca poderás conseguir ter fluidez, así que fóra medo e vergonza!

Que erros máis comúns observas ao escoitar falar galego a persoas non galego-falantes?

O que máis pode chamar a atención é a colocación dos pronomes ou a fonética. Pero iso é totalmente normal porque hai que escoitar moito galego e tamén falalo moito para que pouco a pouco todo vaia ao seu sitio.

O formato de «Digocho eu» xa se usa como material didáctico nas escolas. Crees que este tipo de formatos poden ser útiles á hora de ensinar idiomas?

Creo que o formato pode ser útil con calquera idioma porque é breve e fácil de consumir. Á hora de aprender algo novo, se o contido é atractivo ou incluso divertido, todo nos vai resultar moito máis fácil. Parece que ao falar de aprender ou estudar só se nos vén á mente algo aburrido, pero non ten por que. Calquera tema pode ser interesante se lle pos ganas e creatividade. A ilusión coa que transmites algo é a mesma coa que a xente o recibe, así que aprender tamén pode ser fácil e entretido.

Contáctanos por whatsapp
es_ES